Tecelana Blog
Farrapos de gaita, que material escoller?
PRIMAVERA 2022
Cando nos prantexamos cambiar os farrapos da nosa gaita xurde unha primeria dúbida sobre qué material escoller. Entre os máis empregados temos o liño, a lá de ovella, o algodón, o raión, e multitude de mesturas e materiais sintéticos que aportan ventaxas e inconvintes. Hoxe intentaremos botar un pouco de luz para que internarse no marabilloso mundo dos fíos sexa unha experiencia agradable. Imos falar un anaco de cada un deles:
LIÑO
Coa súa elegancia, volume medio, boa caída e movemento o liño crea fermosos farrapos ós que se lles une toda a tradición de milenios de uso por parte da humanidade. O fío provén dunha pranta (Linum usitatissimum) que leva sendo traballada dende os albores dos tempos en Galicia e usada como material de confección textil tanto para roupa de abrigo como para realizar as máis finas labores de artesanía. Agora dámoslle novos usos e adornamos cos seus fíos a música das nosas gaitas.
O liño é un fío resistente, que adquire maior volume a medida que o moito uso fai que as puntas se abran. Os farrapos realizados con este material adoitan ter un peso en torno a 300gr, o maior que aconsellamos para que non cause molestias ó tocar, ainda que se estas apareceran poden aliviarse solicitando unha peza de menor peso ou engadindo un ronquiño ó ronco da gaita.
En Tecelana traballamos cun catálogo de máis de 100 cores de liño, podendo ser monocromáticos, mesturar cores, tinguir as puntas, ou facer liñas na parte superior de adorno. O límite está na nosa imaxinación.
Os farrapos de liño lávanse a man, cun deterxente para prendas delicadas e sen deixalo en remollo. Debe secar en posición vertical, evitando os raios directos do sol. Sendo tamén recomendable buscar un lugar onde lle dea o aire, para evitar que se acartone. Se non fora posible, bastará con propiciar o movemento da peza unha vez estea seca.
LÁ DE OVELLA
Amorosa, cálida, volume máximo e pouco peso. Se o liño foi usado dende os albores da humanidade, a lá non lle queda atrás. Distintos foron os animais (caprinos e ovinos) que, ó longo dos milenios, cederon o pelo que os recubría para axudarnos a vestir; máis en Galicia os que mellor se adaptaron foron as ovellas (ovis aries celtibericus) que ainda hoxe corren polas veigas, dando a lá que as nosas avoas fiaban nas noites de inverno.
Alí onde hai un farrapo de lá, sen dúbida chama a atención polo seu volume; a pesar de ter menor peso que os farrapos de liño, pois quedán en torno a 200gr. Co paso do tempo e o uso, o farrapo de lá irá incrementando de volume pola acción das puntas que irán abrindo e tamén do propio material, máis esponxoso.
En Tecelana dispoñemos dun catálogo de 60 cores neste material, para escoller aquel ou aqueles que mellor combinen cos gustos de cada músico.
Tamén podemos optar por tinguir as puntas da lá doutra cor (sempre hacia unha cor máis escura), mesturar liño e lá no mesmo farrapo, facer pompóns, etc. Encántanos participar en proxectos novidosos e descubrir ideas e técnicas novas.
Para o lavado dos farrapos de lá recomendamos empregar auga fría cunha pequena dose de amoníaco sen olor. Debe lavarse a man, sen deixalo en remollo, e deixalo secar en posición vertical nun lugar onde non reciba os raios do sol directamente. Tamén é útil facelo nun lugar exposto ó aire, para que o movemento evite que se acartone. Se esto último non fora posible, bastará con propiciar o movemento da peza logo do secado.
Para os farrapos de lá é moi importante evitar a auga quente, así como productos que conteñan lixivia.
ALGODÓN
Suave, resistente, con moito corpo. O algodón é unha fibra vexetal que provén dun arbusto do xénero Gossypium, procedente de rexións tropicais e subtropicais. Sen dúbida é o material de confección máis extendido do mundo dende os primeiros cultivos en México fai 8.000 anos, ata o seu auxe durante a Revolución Industrial.
Os farrapos de algodón teñen un peso aproximado de 300gr (similar ó liño) pero o aspecto e tacto resulta máis suave. Ainda que o seu peso é similar, o movemento que presentan os farrapos de algodón é menor que os de liño, presentando un bloque máis compacto entre sí.
Os farrapos de algodón deben lavarse preferiblemente a man, cun deterxente para prendas delicadas e sen deixalo en remollo. Debe secar en posición vertical, evitando os raios directos do sol. Sendo tamén recomendable buscar un lugar onde lle dea o aire, para evitar que se acartone. Se non fora posible, bastará con propiciar o movemento da peza unha vez estea seca.
RAIÓN OU VISCOSA
Lixeiros, finos, sedosos, con moito movemento e boa caída. O raión ou viscosa é unha fibra artificial fabricada a partir da celulosa a través dunha serie de tratamentos químicos para darlle a apariencia da seda, ainda que cun coste moito máis baixo. Os farrapos de raión son os que visten a maioría das gaitas xa que é un material moi vistoso e fácil de traballar.
OUTROS MATERIAIS
Tantos como as estanterías das tendas de fíos nos proporcionen. Un paseo por estes sitios máxicos, colmados de posibilidades e ideas, cheos de cores e de texturas diferentes, de brillos e de matices, ata atopar eses pequenos tesouros que agardaban expectantes un alma afín que reparara neles. Veñen de animais, de prantas, de misturas alquímicas para transfórmarse entre os dedos e aprender a bailar e cantar ó son que a nosa música lles marca.
Queres máis informacón?
Encántame falar de fíos... proba no email tecelana@tecelana.es ou no tlf 699 200 558.
Saúdos!
Chelo L. Sarceda
www.tecelana.es